detective

Vén de saír o meu último libro en galego. Trátase dunha colección de contos para un público adolescente escrito nun ton desenfadado. Este libro está a confirmar unha teoría que veño sostendo desde xa hai moito tempo e é que a publicación de textos no blogue non é unha chata para a edición en papel cabo dun tempo. Gusto desta idea porque me permite ter textos en dous formatos diferentes e, posibelmente, para públicos diferentes. Non vou negar que gusto de ser publicado en libro, mais non vou renegar do blogue, porque me permite realizar unha serie de actividades paraliterarias que outramente non podería facer.

Os primeiros contos deste libro son de 2007, cando abrín o meu blogue O Reino dos Contos. Moito choveu desde aquela, mais moito gocei da LIX con el. As ilustracións do libro son de Enrique Carballeira, un ilustrador co que levo xa moito tempo a traballar. Facemos unha boa equipa, non se pode negar.

Teño un cariño especial a este libro porque é publicado nun momento importante da miña carreira literaria, cando estou a fechar un oco de máis de dez anos en que praticamete non publiquei nada ou case nada. Desde hai algúns anos quixen voltar á literatura infantil con todas as miñas enerxías e este libro é un síntoma de que as cousas están a saír ben. Non me podo queixar e, por iso, non me queixo. Grazas a Francisco Castro, de Galaxia, pola súa disponibilidade e boa vontade que fixo posíbel que este libro vexa hoxe a luz.

Advertisements