Un dos argumentos que acostuman empregar os que atacan a causa palestina é que todo aquel que apoia os palestinos apoia réximes teocráticos. O argumento é absurdo, mais como é moi repetido, hai persoas que o acreditan, de maneira que conseguiron identificar apoio ao dereito dos palestinos a teren o seu propio Estado con apoio ás teocracias islámicas máis radicais. Direino moi claro: apoio a causa palestina e rexeito a teocracia, que é un réxime fascista no nome de deus.

Non entendo o islamismo. Non apoio a súa visión da sociedade, a xaría, a discriminación da muller, en fin, non podo concordar con esa relixión. Porén, o feito de a maioría dos palestinos seren musulmáns non significa que apoie que se rexan por un Estado teocrático, ao contrario, paréceme un erro. Os palestinos son un pobo vítima da perseguición nazi dos xudeus durante a II GM, son a cabeza de turco dun problema que xa dura 50 anos.

Persoalmente acredito na fórmula dos dous Estados, mais entendo que os que teñen a tixola polo mango, isto é, os israelís, non están na súa maioría a prol desta opción, polo menos os seus dirixentes.

A todo isto, cando se critica Israel dise que se trata de antisemitismo. Non sei, mais esta palabra esta mal usada. Antisemita é todo aquel que ten fobia ao semita, mais é engrazado que semitas son por igual árabes e hebreos. En todo caso, habería dicir antixudeu, que sería o termo exacto. Mais nin sequera isto é certo. Eu non teño nada contra os xudeus, non lles desexo ningún mal nin desexo ver a destrución do Estado de Israel. O que si son é antisionista, porque o sionismo é un movemento político fascista.

Moitas veces, contemplando os ortodoxos xudeus e os radicais islámicos atopo preocupantes coincidencias. Até onde chegan os extremos. Quen fai da relixión unha bandeira tende a desprezar a vida humana… allea.

Viva Palestina libre, si, mais sen enganos, nin dos uns nin dos outros.

Advertisements