Ultimamente teño unha especie de zuna polos monstros domésticos. Non sei por que, mais o importante é que o meu blogue d’O Reino dos Contos se encheu deles. Cando tento facer memoria, vexo que hai un libro que me marcou nese aspecto. Trátase dun libriño minúsculo en alemán que merquei en Dresde en 2006 (debeu ser a miña primeira visita a aquela cidade adorábel). Porén, o importante é o título do libro: Flusi, das Sockenmonster.

Xa desde aquela a procura de LIX alemá tornouse nunha paixón para min. As máis das miñas visitas a Alemaña van acompañadas dunha libraría e, unha vez dentro dela, á sección de literatura infantil. Foi así como en Berlín atopei por acaso outra desas xoias que teño por unha das pezas máis gustosas da miña colección de LIX: Die Enzyklopädie der Drachen.

Lamento ter que confirmar que me interesan moito os monstros domésticos. Desde o monstro dos peúgos que deu lugar a un par de romances infantís deliciosos en checo (Lichožrouti, cuxa tradución sería algo así como “os comedores de ímpares”, pois son monstros dos peúgos que só comen unha peza de cada par). Non sei por que a tradición máis achegada a min non me deu moita inspiración (lobishomes, xanas, cuélebres, trasnos). Algo deles teño escrito, si, mais os monstros domésticos (dos que certamente hei desbotar os dragóns, mais o exemplo da enciclopedia mencioneino por mor das xoias que atopo nas librarías alemás).

Os monstros domésticos, cos dos peúgos á cabeza, teñen algo de tenrura que non atopo noutros monstros. De feito, unha das miñas tarefas pendentes é escribir algún día a miña propia enciclopedia dos monstros domésticos. Recentemente escribín sobre o monstro do armario e como sufría na presenza dunha nena absolutamente míope que o trataba como un peluche xigante.

Eu teño a certeza de que eses monstros teñen un lado moi humano e somos nós os humanos os que temos que lles resultar odiosos a miúdo, como na historia de Agripino, un espléndido exemplar de monstro de embaixo da cama.

E para os rapaces, que foi destes monstros? Seica os nenos de hoxe xa non teñen medo do que poida haber embaixo das súas camas. Eu confeso que a miña dona non pode durmir coa porta do armario aberta. Reminiscencias da infancia. Talvez agora os monstros domésticos emigraron ao computador e son virtuais? Espero que non. Eu quero aínda escribir sobre monstros durante moito tempo. Adóroo os monstros. E os monstros das bolachas tamén. O que non sei é o que eu comería, se o monstro, ou as bolachas… ou seica ambos deles.

coco

Advertisements