Moitas veces na vida hai persoas que marchan. Marchan porque teñen que marchar, mais temos o costume moitos de nós de non deixalas marchar. Porén, se recusamos que marchen, cando realmente teñen de marchar, estamos a crear un pouso negativo en nós. Se entendemos a vida como un fluxo, haberemos entender que temos que deixar pasar o que xa non pertence ao noso presente e tentar reter as persoas que nunca voltarán (e non me refiro aos defuntos) é cargarnos cun peso que nos impide avanzar.

Por iso, de cando en vez cómpre facer un exercicio de despedida. Eu fíxeno onte de noite. Despedín varias persoas que xa marcharon da miña vida porque quixeron, persoas ás que lle quixen ben. Todo consiste en visualizar os seus rostros, visualizar que se lles acariña a fazula, dicirlles que lles queres ben, que lles desexas todo o mellor e despois ver como marchan. É preciso facer así. Para as persoas con fortes cargas emotivas coma min, este é un exercicio moi positivo.

Non podemos obrigar a ninguén a ficar ao noso carón, nin sequera de pensamento.

Advertisements