Durante o ano 2012 xeneralizouse a consigna de non votar porque se pensa que non serve para nada. A acción de moitos cidadáns deslocouse para a rúa co gallo de facer presión desde os paseos. Non vou comentar os métodos represores das unidades antidisturbios ante tales demonstracións de anoxo cidadán por norma pacífico porque non teñen xustificación, mais si vou manifestar a miña simpatía pola xente que desde a rúa pide mudanzas políticas significativas, que opina que a caste política está chea de privilexios que son insustentábeis.

Porén, hai varios elementos cos que discrepo e que saen de boa parte do movemento cidadán. Mudar a política, si; virarlle as costas ao sistema, non. Se non hai políticos, quen nos vai gobernar? Os militares? Directamente uns xestores postos polos banqueiros? Hai que mudar o sistema, si, mais desde dentro, porque só desde fóra non se vai mudar. Con isto quero dicir que imos votar. Temos de votar. Se non votamos, os poucos fieis ao partido no goberno van seguir a votar, e hase repetir o paradoxo de que a dereita española alcance a maioría absoluta co 20% dos votos. É ben sabido que o sr. Raxoi gañou as eleccións de novembro de 2011 por maioría absoluta con menos votos que o sr. Zapatero nas eleccións anteriores de 2008. O seu golfiño o sr. Feixoo gañou as eleccións galegas tamén por maioría absoluta aínda con moitos menos votos que nas eleccións anteriores. A abstención está a lles dar o poder aos de sempre e non van mudar un ápice os seus privilexios. Por tanto, a única opción para mudar o sistema é primeiro votar e segundo mudalo desde dentro, promovendo outra lei electoral que sexa verdadeiramente representativa.

Para as próximas eleccións, votemos; outramente, depois non nos lamentemos.

Advertisements