Na miña postaxe anterior estaba a procurar como chamar aos patriotas da caverna, eses que aparentemente viven no século XXI, mais que no seu interior no saíron (nin sairán) endexamais da caverna. E xusto na postaxe anterior acuñei o termo patriocaverna, onde os seus habitantes son patriocavernarios.

Esta reflexión vén a teor da dor que causa xente con este tipo de ideoloxías que crean patrias violentas e impositivas. Xa nalgunha ocasión comentei que eu non quero nin podo partillar país con xente así. O franquismo está a rexurdir dun modo inquietante porque, de feito, nunca marchou afeito, só botou unha capa de verniz demócrata, mais os seus principios nunca desapareceron da España.

Lembro que nunha ocasión, aínda na década dos 90, escribín que prefiro mil veces a matria antes que a patria, porque a patria ten regusto militarista, fascista, envurullado en bandeiras e que precisa doutras patrias para ter sentido. Evidentemente a propia palabra patria deriva de pai, cunha visión tradicional, patriarcal, do pai como ser duro e implacábel que educa os fillos rudamente, onde se confunde patria con Estado e con nación.

Fronte a iso, prefiro a matria, inspirado na mai, onde o valor é completamente o contrario. E tanto é así que até me permito mudar aquela belísima frase do Fernando Pessoa sobre a lingua portuguesa e unila aos primeiros versos daquel inesquecíbel poema de Celso Emilio Ferreiro sobre a lingua galega. Sei a que ningún dos dous magníficos escritores ofenderá que me tome esta liberdade:

A miña matria é a lingua galega,

eu fáloa porque si, porque me gosta,

porque me peta e quero e dáme a gaña

Advertisements