Agora que a onda de integrismo patriótico varre España, torno a sentir que o facto de moita xente me chamar Javier en vez de Xavier non responde a equívocos, senón a militancia patriótica desde o ben coñecido lema de “en España, en español”. Algúns xornais cavernarios teñen no seu libro de estilo a obriga de traduciren os nomes non casteláns para o castelán, daquela dentro dese contexto o meu Xavier devén irremediabelmente Javier, mais como os xornalistas da patriocaverna pecan a miúdo de ignorancia, non saben como tratar o catalán Dídac, que non é senón Diogo en galego e Diego en castelán, ou o Kepa basco que, mire usté, é Pedro, mais iso envolvería facer pescuda e non están os tempos como para realizar actividades intelectuais.

Lembro que nalgunha ocasión, perante a miña insistencia de respectaren o meu nome como Xavier, un patriocavernario insistiume no de “en España, en español”, ao cal eu retruquei: “xa, mais o meu nome é portugués”. Aí xa o meu interlocutor quedou de pedra. Tería o valor de responder que Portugal era no fondo España? Non tanto, mais adiviñei polo branco dos seus ollos que tiña que consultar aquilo con algún xefe do clan patriocavernario.

Non podo deixar de ter un certo temor que medre a intelixencia do común dos patriocavernarios, pois en tal caso, poderían até esmagar o meu alcume literario, o de Frantz Ferentz, porque, tendo eu pasaporte español, veríanse na obriga de españolizaren o meu alcume (repito que haberían de incrementar o seu nivel cultural para iso, mais grazas á reforma educativa que se nos vén enriba, iso será unha quimera) e ao traduciren o meu nome do alemán e o meu apelido do húngaro, o resultado sería un espléndido Francisco Francisco. Imaxinan un cabeceiro nun xornal que dixese: O escritor Francisco Francisco afirma que…? Eu mellor non o imaxino. E o peor de todo é que tería que renomear este blogue como franciscofrancisco.wordpress.com. Parecería inclusive que peco de narcisista.

Por tanto, aínda ben que os xornalistas patriocavernarios seguen a ser uns ignorantes e Portugal segue a ter Lisboa como capital. E que sexa así por moitos anos.

Advertisements