Non acostumo falar da música que escoito, si dos libros, mais hoxe farei unha excepción, pois adquirín un disco que mentres isto escribo estou a escoitar con auténtica delicia. Intitúlase Mystical Travel, que soa moi tópico da nova era, mais é un pracer. Trátase de 15 pezas, a maioría tradicionais, de música amerindia, mais todas elas modernizadas. Algunhas son só instrumentais, mais outras son tamén cantadas nalgunha lingua amerindia que non dou identificado.

A cousa é que hoxe no centro de Kladno, a miña cidade checa, da que ía coa miña dona pola rúa pedonal do centro, comecei a ouvir unha destas cancións. Procedía dun posto que montaran na rúa e que atendía unha rapariga de trazos andinos. Nun primeiro momento pasamos de longo, mais algo me atraeu daquela música. Díxenlle á miña dona que quería voltar e voltamos. “Talvez atopamos algunha prenda para o Nadal”, díxenlle. E atopou algo, si, unha simpática llama feita de la óptima para quentar un só dedo. Porén, a música seguía a soar. Pregunteille á rapariga se falaba español (xa sabía eu que si). Así comezamos a falar e díxome que era do Perú. Pregunteille pola música e ela acenou para o disco. Custaba 250 coroas checas, que son 10 euros. A coitada estaba a aterecer de friaxe (coma min, que a friaxe deste país me penetra até a miola).

Non sei por que, mais merquei o disco. Talvez como hoxe era o día da pos-apocalipse,  tocaba ollar para o universo. O disco é moi humilde canto á súa edición, mais debo reconocer que me está a acompañar mentres traballo. Curiosamente está publicado en Polonia, en 2007, con ese título de Mystical Travel (podedes sentir algunha canción aquí). Era deses obxectos que sabes que ha ser teu. Se cadra, deica vinte anos lle atope algún sentido, non o sei. Porén, hoxe é día de garabullos e sei que o universo está a conspirar en algo ao meu favor.

E aquí fico, a traducir un libro alemán sobre o pintor Alfons Mucha con ritmos de quena e órgano eléctrico, cun copo de cervexa checa ao carón. Que estrañas combinacións trae por veces a vida…

Advertisements