Penso que toda a xente que coñezo, coa que manteño unha relación, digamos normal, concordará en que os extremismos son ruíns. Se se trata de extremismos relixiosos, estes non son desexábeis (nin os políticos), mais dicir que son todos iguais, é un erro.

Non se pode meter no mesmo saco todos os extremismos relixiosos. Aínda que partamos da base de que todos son rexeitábeis, hai algúns que certamente son peores ca outros. A miúdo tendemos a comparar o extremismo cristián, o musulmán e o xudeu. Probabelmente canto á consideración da vida humana allea ou o papel da muller na sociedade e outras consideracións, os extremistas das tres fes pensan praticamente igual. Porén, se eu fago unha parodia do Cristo, non vou ter medo de que me asasinen, mais se a fago do Mahoma, teño a certeza de que teño os días contados. E xusto aí é onde radica a diferenza. Todos radicais, si, mais uns máis ca outros.

Co intolerante hai que ser intolerante. Por iso non entendo a crítica feroz das persoas que se din de esquerdas co cristianismo, mais que, asemade,  mostran unha inxenua (e perigosa) tolerancia co islamismo. Non señores, canto a alienación das persoas non hai moitas diferenzas entre ambas as crenzas, mais canto á tolerancia co resto da sociedade, si que as hai. Os integristas cristiáns, repito, non matan (agás algún tolo nos Estados Unidos), mentres que moitos musulmáns si son capaces de matar por ofensas á súa fe.

Daquela, atopo eu que hai unha certa incoherencia no discurso da tolerancia… Porque non todas as ideas son respectábeis e non todos os extremistas matan.

Advertisements