Nunha discusión nunha miña postaxe nunha rede social, xurdida á raíz do concepto de guerra de linguas por un interesante artigo publicado no xornal El País, falouse de nacionalismo español na confrontación cos nacionalismos periféricos. Nesa discusión mantiven, porque é así que penso, que non simpatizo con nacionalismo ningún, porque son europeísta. Tamén aclarei que o modelo neoliberal que nos están a impor para a Europa non é o que quero, mais iso non me resta fervor nas miñas ideas europeístas. Tamén sostiven que para defender estas linguas non-estatais non ameazadas non é preciso ser nacionalista de nada. No meu caso sería complicado, non podo ser nacionalista de cinco ou seis territorios de vez…

Nesa mesma discusión, certamente moi interesante, falouse do nacionalismo español que identificaba España con Castela. Xustamente esa é a base de toda a súa ideoloxía. Se Castela é España, daquela todo en España ha de ser castelán, a comezar pola lingua. Iso explica porque o nacionalista español, na maioría dos casos monolingüe militante, ás veces por convicción, ás veces por incapacidad de aprender outras linguas (nin que sexa o inglés) só quere o español, castelán, como lingua única da nación España-Castela.

Porén, como xorde Castela? Iso é algo que a patria-cavena esqueceu de todo. Castela xorde á beira dos territorios euskaldúns (que hai mil anos chegaban ao Ebro na Rioxa actual), cando os bascos máis periféricos foron romanizados. É ben sabido que a lingua castelá primitiva era o latín falado por aqueles bascos. Mais o que é máis interesante, se España é “unha unidade de destino universal”, desde cando o é? Desde Filipe II? Desde os Reis Católicos? Desde os visigodos? Poñámolo, sen animadversión, nos inicios do condado de Castela.

Os nacionalistas españois esquecen, xa que logo, o papel crucial dos bascos na formación de Castela e da lingua castelá. Esquecen que o éuscaro xa se falaba na Península Ibérica hai tres mil anos. Por tanto, segundo a súa lóxica, os bascos son os verdadeiros españois e, daquela, o señor ministro de Educación, conforme á súa ideoloxía patrio-cavernaria, debería euskaldunizar os españois todos, porque os bascos son os españois máis rexos e auténticos, os inventores de Castela e o castelán e, daquela, de España (deica pouco S.L., toda privatizada)

E se o señor ministro non entendeu isto, daquela non entendeu nada, agás que os bascos, con efecto, fosen o pobo elixido de Iavé e falasen hebreu na intimidade.

Advertisements