Chegan, chegan fieis as mensaxes estereotipadas aos muros da rede social co aninovo. Alguén hoxe decide que quere ser orixinal e di: “Yo, este año, noy voy a cumplir con ese propósito estúpido de aprender inglés. Que aprendan español los ingleses”. E a seguir, toda unha fila inmensa de cliques de “gusto”, porque o tipo é un valente que ousa dicir o que pensa e que tamén afirma que non vai deixar de fumar, porque “lle gusta fumar”.

Aí saiu o orgullo de raza. Que aprendan español os ingleses. Olé. E para toureiros, nós. Porén, seica nun par de semanas este valente terá que ultrapasar os Pireneus. E daquela que? Os ingleses de Franza, Alemaña, Polonia ou Rusia teñen que lle falar en español? Porque, segundo a lóxica, os que non viven en España e usan o inglés como lingua franca, son ingleses. Daquela tornarei a ver en Praga os rostros compunxidos de patria-cavernarios indignados por que non se lles fala en español, esa lingua que, e parece ser que os estranxeiros non se enteiraron aínda, fala a metade do planeta, segundo din os xornais patrio-cavernarios.

Aprender outras linguas, ademais de ser propio de antipatriotas (léase: de ser incapaz de aprendelas), ocupa espazo no cerebro, segundo a lóxica deste tipo da postaxe ao que fago referencia e mais a tropa de admiradores que secundan a súa coraxe. E se aprender linguas ocupa espazo no cerebro, mellor non aprendelas. Porén, o ser un cretino é algo que dignifica o individuo, e gabarse de ser un cretino é xa o máis sublime que hai… A miña conclusión é que o cretinismo na rede é contaxioso e que á incapacidade de aprenderen inglés lle chaman patriotismo.

Pois nada, vostedes non puideron ler isto que estou a escribir porque defendo que os españois normais aprendan inglés, mais estou a escribilo en galego (isto vai contra natura!!). Por tanto, este texto non existe, vostedes e mais eu non nos coñecemos e vostedes nunca leron estas letras…