Hai uns días, chegoume un dos libros máis deliciosos que se teñen escritos e que teño nas miñas prateleiras nun lugar sempre a man. Trátase da versión inglesa da Grammatica della fantasia de Gianni Rodari. Merquei este libro polo Amazon dos Estados Unidos porque quería ter a versión en inglés, xa que, para certo tipo de cursos virtuais que eu imparto, paga a pena non ter que facer adaptacións das técnicas de Rodari e acudir á tradución que me consta que é ben boa.

Porén, o meu interese por este libro arranca xa de 1984, cando quen foi o meu profesor de literatura infantil, Herminio Otero, me deu a coñecer a versión castelá de Gramática da Fantasía e, como non, o xenial Rodari. Xa algúns anos despois, na primeira década deste século (debeu ser contra 2006), unha boa amiga, Chiara Perra, agasalloume a versión italiana.

Este libro, xunto coa persoa de Herminio, son os responsábeis de que eu hoxe escriba literatura infantil. Non podo concibir a miña carreira sen Herminio e sen Rodari. Por iso, cando me chegou The Grammar of Fantasy tiven unha formigaxe dentro que me fixo lembrar aqueles días remotos cando eu era estudante de maxisterio e desde as motivacións de Herminio e usando as propostas de Rodari, eu comecei a escribir historias. Despois descubrín que as Favole al telefono podían ser actualizadas como un blogue de contos. E aí seguimos. E oxalá que por moitos anos.

Advertisements