Un deses autores checos que me fascinan é Pavel Čech. Escrebe unha literatura infantil fascinante que sospeito que fóra do seu país debe ser pouco coñecida. Eu coñecino literariamente hai un par de anos cun seu libro delicioso: O čertovi, que podería ser traducido máis ou menos como Acerca do demo.

E onte, casualmente, da que visitaba unha desas librarías de Praga de onde a miña Visa sae ben emagrecida, atopei outro dos seus libros. Outra xoia que nin tiven vagar de pensar en coller, porque xa a miña man correu para ela inconscientemente. Adorei aquel libro ao cal me acheguei pola capa. O Pavel, para alén dun grande escritor, é un ilustrador insuperábel. Loxicamente, aquel libro do degorrio que entra a traballar como limpador de chemineas e acaba apaixonado dunha muller que o coida dun gripe infernal que pilla, provocou en min máis vontade de ler cousas del, mais, sinceramente, non o procurara.

É a historia dunha araña. Ademais, o formato é igual que o do libro anterior, isto é, perfeito para levar no peto, a toda cor. Como non se apaixonar de libros así?

Por riba, para a semana ser completa canto á fascinación polos libros, xa recebín a miña A vaca voadora de que falei nunha miña postaxe anterior. Asemade, a Nataša, a miña dona, atopou unha edición de Alice no País das Marabillas actual, mais que recupera a primeira tradución feita para o checo nos anos 30. Unha delicia de edición coas imaxes orixinais daquela (ver imaxe embaixo)

Obálka titulu Alenčina dobrodružství v říši divů a za zrcadlem

Fascíname este país e a súa capacidade de facer da literatura infantil algo único. Embora haxa un concepto cada vez máis padrón de libros infantís de consumo masivo, é posíbel atopar a literatura para a infancia clásica que se lía cando eu era cativo (e que en España eu xa non atopo agás nos alfarrabios). Boa literatura a que fixeron e a que fan.

Alguén dixo que as persoas somos o que lemos, nomeadamente durante a nosa nenez. Quen pode soster, xa que logo, que non é un pracer reencontrarse cos libros da infancia? Se alguén non o pensa, é porque, ou tivo unha triste infancia, ou mesmo nin a tivo, ou se callar, porque o neno que foi realmente xa non existe (cousa que penso que lles acontece a moitos dos que agora dirixen o planeta e nos fan voltar á Idade Media desde os seus postos de poder). Eis a clave: nos nosos gobernantes non fica rastro dos nenos que foron.

Advertisements