“ola, sonlles un poeta”

Moi recentemente escribín o seguinte no meu muro do Facebook, despois de ter constatado os feitos aí expostos:

Teño ouvido ao meu amigo e mestre Vicente Araguas dicir moitas veces iso de: «dás un puntapé nunha pedra e sáenche moreas de poetas de embaixo, case todos ruíns». Porén, desde a invención do FB, o que saen son uns tristes seres cincentos con aparencia de cascudiñas laboriosas que enchen os muros de liñas con rima (ou sen ela), sen seren cientes que cada vez que escriben un “poema”, un libro de poemas se suicida nunha prateleira.

Ben, aínda que manteño as miñas palabras e a mera idea de imaxinar un poemario a lanzarse desde unha prateleira para caer directamente no contentor do lixo que, casualmente, estaba embaixo del e dese modo suicidarse, teño que recoñecer que esas miñas palabras non recollen toda a realidade. Vou exprimilo.

Eu propio, que son unha persoa que gusta moito de experimentar cos xéneros, a miúdo co gallo de procurar a ironía, tentei moitas veces escribir unha poesía francamente má. E xustamente foi aí que me decatei que tanto para escribir boa poesía, canto para escribila má, fai falta talento. Con efecto, as persoas con talento escriben, quer moi boa poesía, quer moi má poesía. Eu non teño talento para escribir má poesía (e esta para ver se o teño para escribir boa poesía). Por tanto, o mao poeta non se fai, nace.

Ademais do anterior, hai un elemento que non se toma en consideración a respecto do mao poeta. Coñezo un poeta nas redes sociais que é do peoriño. Foi precisamente cando tentaba imitalo que me decatei que eu non tiña o seu talento para escribir tales insultos á intelixencia e ao bo gusto. Porén, descubrín tamén que ese poeta ten un efecto terapéutico bárbaro sobre min, porque mal leo un dos seus poemas, o meu estado de ánimo mellora substancialmente, por norma cunha gargallada sonora. E iso non é bo? De facto creei un grupo nas redes sociais onde compartillamos os poemas deste poeta (ás veces de máis algún) co efecto terapéutico que mencionaba antes. Os meus amigos gustan de rir así e eu gusto de velos tan ledos.

Daquela, quen dixo que a má poesía non ten lugar na nosa sociedade. Tena. Por tanto, coidemos os nosos maos poetas, aínda que non sexan un ben escaso.